TRIBUNA | O |
25 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.«Detén a SIDA. Ti podes. Responsabilidade». Este é o lema elixido pola ONU para conmemorar o Día Mundial da SIDA 2006. Fai dezanove anos que cada 1 de decembro o mundo recorda que existe unha enfermidade ainda incurable, a SIDA, consecuencia do VIH que afecta actualmente no mundo a 39,5 millons de persoas, 2,6 millones más que no 2004, que segue avanzando malia ós esforzos de gobernos e sociedade civil, da información e dos avances da ciencia. Contradictoriamente a infección por VIH é doada de evitar. Basta con destinar unha pequena parte dos presupostos dos Estados ricos á prevención nos paises en vías de desenvovemento. Chega con usar preservativo nas relacións sexuais con persoas das que descoñecemos o seu estado de saúde. Abonda con face-la analise de VIH se temos a sospeita de ter mantido unha relación de risco. Sobra con apoiar as políticas de reducción de dano para os usuarios de drogas inxectadas. A responsabilidade é dos Estados e de cada un de nós. Os avances científicos permiten manter o VIH a raia e a xente portadora do virus pode vivir moitos anos con calidade se leva unha vida sa e ordenada. Hai malas noticias sobre a SIDA: segue medrando no mundo pola irresponsabilidade dos Estados e das grandes industrias farmacéuticas. Pola falta de responsabilidade dos que corren graves riscos innecesarios. Hai boas noticias sobre a SIDA: cada un de nós pode facer algo importante para frear esta pandemia da humanidade. Somos un país privilexiado: dispoñemos dun sistema público de saúde que facilita a prevención e asegura os tratamentos gratuítos para os afectados polo VIH. Somos un pobo afortunado: temos información e hai colectivos cidadáns que traballan para que os nosos fillos dispoñan de información que lles evite semellante risco de saúde. Que apoian ás persoas con VIH para que leven unha existencia digna e poidan convivir co maldito virus. Hai en Ourense un Comité Cidadán Anti-SIDA que leva quince anos na vangarda da prevención, da información, do apoio. Creando servizos pioneiros en España como a Casa de Acollida para Enfermos de SIDA sen familia que mire por eles. Que estaciona cada día da semana a única Unidade Móbil de Educación Sanitaria e Inxección Higiénica tra-lo cárcere vello da rúa Progreso para que non haxa xiringas nos parques, ruinas ou portais. Para que os enfermos de drogodependencia poidan recuperar dignidade e ve-la porta de saída cara a tratamentos de abandono das drogas. Un Comité que asiste ós presos, ás traballadoras e traballadores do sexo, ós inmigrantes, ós sen teito. Sobre todo a estas persoas porque son as que non teñen quen coide deles. O Comité Cidadán Anti-SIDA faise cargo de salvagardar a dignidade destes seres humanos e asume o traballo social que nel delegan as Administracións Públicas e os propios cidadáns. O Comité ten demostrado que traballa con profesionalidade, con eficacia, colaborando, con discreción, buscando o consenso, desinteresadamente. O Comité quere abrir a súa sede na rúa Cabeza de Manzaneda, unha rúa calqueira da cidade onde alugou un baixo digno para realizar o seu traballo de xeito máis eficiente, con maior calidade. A sede do Comité non é o fogar do transeúnte nin o centro de día para persoas da rúa que necesita a capital. Eso é unha responsabilidade do Concello de Ourense, que debe poñerse xa dacordo coa Xunta. O Comité garante que o traballo no seu local será de portas para adentro. Os nosos usuarios son conscientes do mal considerados que están. Non queren máis conflictos. Abóndanlle os problemas de supervivencia que xa teñen. O Comité, humildemente -pero non humilladamente- pide ós veciños da rúa Cabeza de Manzaneda un periodo de proba, nove meses, ó tempo que tarda en xestarse unha criatura humana. Ofreceremos este compromiso por escrito e coa Corporación Municipal como testemuña e garante. Esa é a nosa contraproposta ó rexeitamento que estamos padecendo. Pasaron máis de vinte anos dende os primeiros casos de SIDA. ¿Tan pouco temos avanzado?