ANACOS | O |

22 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NUNHA provincia como a de Ourense, cunha estatística que pinta unha situación catastrofista en canto á depuración de augas -o 90% dos pequenos núcleos rurais non teñen saneamento e en moitos casos tampouco abastecemento-, as novas sobre vertidos, fosas sépticas que non funcionan ou instalacións obsoletas están á orde do día. Non hai moito era o río Arenteiro o que sufría un novo episodio de contaminación con vertidos durante varios días ó cauce do río por mor dunha nova avería na rede de saneamento ó pé mesmo do que é un dos enclaves turísticos da vila: a piscifactoría. En Ourense a actualidade ten consideración xurídica. A depuradora de Reza confírmase como unha instalación ilegal e condeada a ser derrubada. Unha circunstancia que están a aproveitar tirios e troianos para darse interesados consellos: a Confederación Hidrográfica do Norte e a Consellería de Medio Ambiente lembran que a depuradora é de titularidade municipal e que o Concello da cidade ten un grave problema. Desde a casa consistorial retrucan que todos están contra eles por ser organismos -en Compostela, en Oviedo e en Madrid- controlados polo PSOE. Un eterno candidato á alcaldía de Ourense lembra que foron os propios socialistas, formación na que militou, os que construiron a depuradora de Reza e que son os verdadeiros responsables, xunto cos nacionalistas por «colaboracionismo» no proxecto. A realidade é que a provincia non rexistra moitos avances en materia de saneamento e seguimos contando cuns cauces que reciben tódolos anos vertidos contaminantes periódicos, cando non de instalacións ou redes que están contaminando de seguido. Non só fan falta depuradoras no Miño e no Barbaña, que tamén, senón que é preciso botar man dunha situación de precariedade neste servizo na provincia de Ourense.