ANACOS | O |
15 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.TODO muda co tempo e cos avatares políticos. Xestur, as Xestures de Galicia, foron o brazo armado de moitos dos políticos de turno. Presidentes de deputacións, conselleiros de turno, alcaldes con fío directo co mandamáis correspondente e axentes/coñecidos/promotores e especuladores inmobiliarios fixeron o seu agosto á beira de non poucas operacións de Xestur, do IGVS -o Instituto Galego de Vivenda e Solo-, da propia Consellería de Política Territorial, da extinta COTOP e outras siglas. Sería doado recurrir ó tópico dos pelotazos de Santa Marta de Pereiro de Aguiar para poñer un exemplo, máis son tantos que non paga a pena. Agora toca invernía, e os principais interesados en promover estas sociedades loitan en retirada logo de ver caer ós seus homes de confianza e a rede de lealtades tecida con moito esmero e non poucos favores. E hai que ser consecuentes cos novos tempos e as manobras para seguir conseguindo os mesmos resultados, ou parecidos, desde outra trincheira. A Deputación de Ourense, ama e señora de Xestur grazas á conexión Baltar-Cuíña nos tempos da lúa de mel, rexeita participar agora na ampliación de capital de Xestur Ourense. Algo noticiable, mais que non debería sorprender a ninguén. Baltar xa puxo sobre a mesa as súas cartas hai meses: a sociedade inmobiliaria da Deputación de Ourense e dos seus homes/entidades de confianza centrará agora os seus esforzos. Unha parcela de poder que, seguramente, se verá beneficiada das novas operacións de tesourería e axudas que a Deputación tratar de conseguir de outros organismos. Xestur Ourense desfaise pouco a pouco do control político da Deputación, algo consumado co relevo na Xunta de Galicia, e ó paso que imos o Inorde rematará por irse dunha sociedade na que hai tempo que non reparte xogo e, daquela, xa non é rendible politicamente.