ANACOS | O |
01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A celebración dunha nova edición de Termatalia puxo de manifesto algunhas das reflexións e das consideracións que se están a convertir en lugares comúns, malia que non se acaben poñendo os medios para facer realidade esas premisas. Que Ourense está chamada a ser o referente do sector é unha desas realidades, e as valoracións que os participantes fan da feira non deixa lugar a dúbidas, como o é que o termalismo ten que ser o factor diferenciador da provincia á hora de convertirse nun referente turístico. O propio responsable de Turismo da Xunta, Rubén Lois Cela, ten manifestado en máis dunha ocasión que A Coruña e Pontevedra concentran o 80% da oferta e que Ourense vai un paso por detrás do resto das provincias galegas neste aspecto, apostando a Xunta por un plano de estratexia turística para a provincia donde se incida na Ribeira Sacra como un producto turístico e polo termalismo -en palabras de Cela: «Sabemos que Ourense pode ser a vangarda do turismo termal de boa parte do sur de Europa»-. Na súa visita a Termatalia o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou a creación dun organismo específico para o sector termal. Terá a súa sede en Ourense e funcionará no 2007. Como proposta non deixa de ser interesante a anunciada por Anxo Quintana, mais non supón máis novidade que a de gañar un titular e o protagonismo que iso conleva. Un organismo como o que anuncia o vicepresidente xa existe e o único que fai falla é que se poña a andar, algo que a Xunta -antes e agora- non quere facer. O Instituto Termal de Galicia foi creado e designados os seus membros, máis a Xunta non pasou nunca de facer unha sede con 200 metros cadrados na Fundación da Comarca do Carballiño. E alí está agardando a que se lle dea contido.