INTROSPECTIVA
02 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.AMAL significa Esperanza, en árabe. É o nome que define ao Festival Internacional de Cine Árabe, que dende hai uns anos celébrase a finais de outubro en Santiago de Compostela, por iniciativa da Fundación Araguaney. Entre os seus obxectivos está o de «promover a interacción entre diferentes culturas (especialmente entre a española, a latino americana e maila árabe)», e como misión última, a paz e a concordia. Os dramáticos acontecementos que están a acontecer co lamentable (e impune) bombardeo do Líbano por parte de Israel, pon de actualidade á cultura árabe en xeral, e á palestina en particular. Nas Xociviga 06 tiveron a boa idea de asinar un convenio de colaboración con AMAL para que no futuro, O Carballiño acolla unha selección dos mellores filmes vistos na edición anterior de Amal, coa idea de sensibilizar ao público sobre a cultura do Islam, que nada ten que ver coas bombas ou co fanatismo, sobre todo a partires da fenda do 11-S e todo o acontecido despois. De feito, a selección deste ano é dun nivel tan variado como extraordinario: La boda de rana , Cuando Maryan decidió hablar o Women of love . Cun mercado tan colonizado polo cine norteamericano como é o español, onde ata as películas propias atopan atrancos para estrearse, o cine árabe simplemente non existe. É grazas a iniciativas como Amal, e agora as Xociviga, como os espectadores comproban que hai outros cines, que hai outras calidades, que pagan a pena.