ANACOS | O |
21 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.OS discursos máis barrocos de pouco valen cando se deixan arrasar polos feitos. No pleno celebrado onte na Deputación de Ourense os responsables do PP amosaron que todo aquilo que empregaron como argumento expositivo está a anos luz da súa íntima realidade e do seu pensamento. O PP non pode querer vender a imaxe de ser un partido democrático e serio xogando a ir contra a negociación en Euskadi en nome das víctimas e amparar ó mesmo tempo a destacados dirixentes do partido na provincia, como un alcalde denunciado sistematicamente por abusos e prácticas pouco democráticas, que erguen a bandeira da dictadura e o xenocidio como o mellor dos mundos posibles. O presidente dunha institución como a Deputación de Ourense tampouco se pode permitir o luxo, polo cargo que ostenta, de decir que non vai aprobar un apartado dunha iniciativa da oposición -o referido á condea do golpe de Estado de 1936- coa soberbia de quen sabe que ostenta unha maioría sobrada. Porque non falamos de catro caldeiros de chapapote para parchear unha estrada, estase a falar de máis dun millón de mortos, de asasinatos, violacións, exilios, familias destrozadas. E obviar iso pouco di a favor de quen o fai, aínda que sexa para dobregar á oposición. Ninguén quere reabrir feridas -aínda que actitudes como as de algúns deputados do PP amosan que queda moito por cicatrizar- e ese discurso rancio e antiguo do PP é o que o está a convertir en prisioneiro das súas propias actitudes. Quizás os populares ourensáns deberían recapacitar sobre determinadas actitudes.