DIARIO DE AURIA | O |
01 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ASÍ, con novo postulante á alcaldía e con caras felices, inicia o Partido Popular o seu mes de xullo. Creo que é un magnífico candidato que será votado, incluso, por aqueles que non votarían nunca ao Pepé de Génova e Rajoy, o Pepé mediopijo e moi jetset, esa dereita rancia de toda a vida que como unha das dúas Españas de Machado «ha de helarte el corazón». Ao novo candidato do Pepé poden votalo os ourensáns de currele e andamio e Chavasqueira, os de toda a vida, que votarán a Poli porque Poli é paisano, e natural, e tipo noble. Tomei demasiadas copas en Cudeiro para saber que a estirpe de Poli é unha estirpe de xente nobre, e astuta. Polo tanto, excelente o candidato Pepé. O do BNG é home de lucidez incontestable, creativo, dotado de tesón e duns principios inalienables. Home de raciocinio poderoso, pragmático en xusta medida, moi culto, formado, intelixente. Discreto e medido, cauto, de amplos silencios e meditación constante. Alexandre Sánchez Vidal é home de palabra e das palabras (esas que crean), non desespera, non mente, non traizoa nunca, leva sombreiro castelao sobre a cabeza dos invernos e é capaz de mirar coa tenrura do Miño. Polo tanto, excelente o candidato BNG. Paco Rodríguez, que será, quero imaxinar e imaxino, o candidato do Pesoe é home dunha sensatez e sentido común extremos, cordial nas formas, honesto, xeneroso, de corazón amplo. Formado na política de toda a vida, traballador, sensible, mira limpo e aos ollos, non engana nunca. Amigo dos amigos e romántico con barricadas de maio do sesenta e oito: non nos moverán, Paco. Fixo dos imposibles o seu modo de andar e tras eles, tras os imposibles da igualdade e da xustiza, anda detrás todos os días. Polo tanto, excelente o candidato Pesoe. Tres magníficos cabezas de lista para unha cidade que precisa «cabezas listas» para ser gobernada. Será un partido bonito, candidatos