Achegándose ós cidadáns

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Crónica | Recepción oficial á sociedade ourensana Dolores Villarino lembrou o desexo da Cámara galega de conmemorar os seus 25 anos de existencia dándose a coñecer entre os cidadáns do país e fomentando o diálogo

30 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?ecir que a Mesa do Parlamento de Galicia veu a Ourense de visita institucional case que é unha incongruencia. Catro dos cinco integrantes da Mesa son orixinarios da provincia, tres dos mesmos viven entre Ourense e Barbadás, e a cuarta, a presidenta da institución, non perde a ocasión de lembrar que é unha limiá de orixe e sentimento, por máis que desenvolvera a súa carreira profesional e política en Vigo -esa cidade na que viven milleiros de ourensáns de luns a venres, segundo algúns 80.000, e que collen a A-52 na fin de semán para retornar ás orixes como se dun anuncio lácteo se tratase-. Por certo, Dolores Villarino xa avanzou na recepción oficial da Mesa do Parlamento no Liceo de Ourense que conta superar ese 20% de asignatura pendente «apadriñando a Xaime Pita nalgún lugar da provincia». A Mesa do Parlamento, da que forman parte Dolores Villarino, Tereixa Paz, Pablo López Vidal, José Manuel Baltar Blanco e Xaime Pita, achegouse onte a Ourense dentro da campaña de celebración dos 25 anos de existencia da Cámara galega e do proxecto de achegar a actividade da institución, e a entidade en si mesma, ós cidadáns galegos. Villarino, a presidenta do Parlamento, lembrouno unha vez máis na recepción ás autoridades ourensanas que se desenvolveu no Liceo: «Queremos que o Parlamento sexa unha institución máis coñecida do que é ata o de agora e o reto para estes catro anos é achegala máis á sociedade. O lexislativo é o gran descoñecido mais é o que acolle a soberanía popular, donde están os representantes elexidos polo pobo». A máxima responsable da Cámara galega tamén se referiu no discurso ofrecido no Liceo ó diálogo que se tenta promover desde esta institución e «do que é un bo exemplo a propia Mesa do Parlamento, donde a pesares das nosas diferencias ideolóxicas sempre tentamos chegar a un consenso e poñendo por diante o diálogo como bandeira, que tamén é o que se tenta facer desde esta campaña de achegamento á sociedade galega». Representación Na recepción ofrecida pola Mesa do Parlamento de Galicia no Liceo participaron representantes de toda a sociedade ourensana. O alcalde da cidade, Manuel Cabezas, e toda a corporación, o presidente da Deputación, José Luis Baltar, os deputados autonómicos Amparo González e Iago Tabares, entre outros, o diputado socialista Alberto Fidalgo, os senadores Cándido Rodríguez e Mercedes Gallego, os delegados das consellerías de Presidencia, Medio Ambiente, Medio Rural, Industria e Innovación, Cultura, Educación, Sanidade e Economía, o subdelegado do Goberno, Camilo Ocampo, ex deputados autonómicos e estatais, como Julio Álvarez, Inmaculada Rodríguez ou María José Caldelas, o presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, Francisco Rodríguez, o comisario superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá, o director do Museo Arqueolóxico, Julio Fariñas, ou representantes sindicais como Etelvino Blanco, entre outros. Nóvoa, o protagonista Con anterioridade á recepción oficial ofrecida pola Mesa do Parlamento no Liceo desenvolveuse un encontro co alcalde e a corporación da cidade. Cabezas agradeceulle á Dolores Villarino e ós seus compañeiros a organización das actividades desta fin de semana en Ourense e considerou moi acertado «vencellar ese diálogo que propón o Parlamento ó fenómeno migratorio e á inmigración e solidaridade». Dolores Villarino e Cabezas descubriron unha praca no Concello lembrando a celebración dos 25 anos do Parlamento de Galicia e a presidenta desta institución asinou no libro de ouro do Concello de Ourense. Aínda que Cabezas e Villarino eran os protagonistas non puideron evitar que, antes e xusto cando estes comenzaban os seus discursos, tódalas cámaras e os xornalistas se fosen para Enrique Nóvoa, recén nomeado candidato do PP á alcaldía da cidade para las próximas eleccións municipais.