ANACOS | O |
27 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A Mesa do Parlamento de Galicia, coa súa presidenta Dolores Villarino á fronte, xuntarase o venres en Trasalba na sede da Fundación Otero Pedrayo. Os representantes da cámara galega estarán esta fin de semana en Ourense para desenvolver na cidade un dos encontros que se están a organizar co gallo do programa de celebración dos 25 anos de existencia do Parlamento de Galicia. En Trasalba os representantes políticos de Galicia farán pública unha declaración institucional que «deixará constancia histórica da importancia da aportación da Xeración Nós e do seu compromiso cos valores que o Parlamento de Galicia quere defender na conmemoración dos seus 25 anos, como son o do consenso, o diálogo e a defensa da identidade cultural do país». Unha praca conmemorativa dará conta da xuntanza da Mesa do Parlamento en Trasalba e do recoñecemento á Xeración Nós. O legado cultural e a contribución de xentes como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Otero Pedrayo e outros membros da Xeración Nós á cultura e o desenvolvemento de Galicia e a época dourada que converteu a Ourense na Atenas de Galicia xa foi un dos eixos do discurso do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na clausura do curso académico. No paraninfo do Instituto Otero Pedrayo o presidente da Xunta lembroulle a tódolos alumnos alí reunidos que estaban nun dos espazos privilexiados da cultura e do saber en Galicia, unha verdadeira universidade pola que tiñan pasado os citados membros da Xeración Nós, así como Saco e Arce, Marcelo Macías, ou alumnos como Carlos Casares, Ferrín, Alfredo Conde ou José Ángel Valente, entre outros. Que o Parlamento lembre agora, no pazo de Otero Pedrayo, á Xeración Nós co recoñecemento que se merecen non é máis que un acto de xustiza coa historia de Galicia.