ANACOS | O |

02 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A sede administrativa da Xunta de Galicia en Ourense abríase o 14 de maio para acoller un acto coa ministra de Educación, Mercedes Cabrera. A verdade é que ollando para as imaxes e as informacións dese día ninguén pode poñer en dúbida que era un acto político puro e duro dun partido. E, por riba, era domingo. E a partir de aí a cousa estaba clara: a oposición autonómica, cos refrexos que non demostra para outras cousas de máis transcendencia ó mellor por estar atados por algunhas lousas deixadas en herdanza ou por compromisos personais, denuncia o caso e leva o asunto ó Parlamento de Galicia como pregunta ó conselleiro Méndez Romeu. Todo normal e previsible. E onte, pouco normal e nada previsible, era a delegada de Presidencia a que daba un paso adiante para facerse responsable do acontecido. Concepción Camiña asumía que revisando como foron as cousas ese foi un acto que non se debería ter celebrado e que ela nunca debería ter dado autorización para o mesmo ó non estar permitido actos de partidos ou sindicatos no salón de actos da sede administrativa da Xunta. Quizás por falta de rodaxe, quizás por crer que non ía ter a repercusión que tivo, a delegada diu a súa autorización. Máis se errar é humano, rectificar é moito máis sabio. E a delegada non dubidou onte en asumir toda a responsabilidade do acontecido e en aclarar que non traballou ningún funcionario nin personal laboral da Xunta por mor desta convocatoria. A delegada de Presidencia adiantase ós acontecementos, xa que esa podería ser unha saída perfecta á hora de responder Méndez Romeu, mais tamén amosa que non pon reparos a recoñecer que se trabucou ó tomar unha decisión como cargo político que é. Vendo como se ten actuado historicamente nas delegacións da Xunta ata o de agora a actitude de Camiña é algo que a honra.