DIARIO DE AURIA | O |
29 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A FEIRA do viño do Ribeiro é a noticia: na provincia do viño. Con máis denominacións de orixe, con máis veteranía, con máis culto a Baco: Auria. E sen embargo o viño segue nas adegas. Non se vende: nin no Ribeiro, nin na Ribeira Sacra, nin en Monterrei, nin Valdeorras. Algúns privilexiados son quen de conseguilo, pero a maioría non. Os colleiteiros quéixanse, como se queixan os labregos e gandeiros: o prezo do mercado é moitas veces superior ao prezo que lle pagan os distribuidores. Vivir do agro, neste país, é ir morrendo. Como antes. Como sempre. Poucas cousas cambian. Por tal motivo un confía plenamente na boa vontade, saber, rigor, e creatividade do novo goberno para resolver tales carencias. Porque Ourense co viño, e Lugo co leite, seguen a ser as grandes prexudicadas do oprobio contra o sector primeiro e primario. No viño, como en todo, somos tamén minifundistas. Minifundistas na súa publicitación, imaxe, prestixio. As denominacións de orixe ourensás non serven. Non sabemos vender o noso porque posuímos nula mentalidade comercial e vemos, ano tras ano, como o albariño crece (en Estados Unidos, verbigracia) e nós seguimos aquí mareando a perdiz do infortunio. Con Consellos Reguladores que son extensións políticas, con adegueiros que non apostan decididamente por unha política común de desenvolvemento, e cunha Consellería recén chegada da que espero (dixen e digo) que sexa o fundamento que precisa Ourense para facer do rural, do viño, o elemento fulcral do noso futuro. Quero, polo tanto, un viño vivo para presumir del. Non só da súa excelsa calidade (que a ten, e moita) senón tamén da súa fertilidade económica. Creo con fervor que o viño de Auria ten futuro. Pero haberá que empezar por cambiar mentalidades, e plantexamentos, e sobre todo a dirección dos Consellos Reguladores: onde van, onde queren ir. Viño vivo. Auria viva. Non pido máis. Punto.