Máis de setenta grupos de danza galega participaron no festival de Queixumes dos Pinos O parque ourensán convertiuse nun recinto de romaría con atraccións infantís
29 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Calor e festa. Festa e danza. Cultura galega no parque do Barbaña. Queixumes dos Pinos celebrou o seu festival de danza durante todo o sábado. Centos de nenos e nenas bailaron ao son da gaita. Ao mediodía o lugar atopábase ateigado de público. Responden os cativos, seus pais e o público en xeral que gusta deste espectáculo. José Antonio Viñas, presidente da asociación Queixumes dos Pinos, suliñaba a colaboración de todos os membros da agrupación. Máis de setenta agrupacións de danza galega subiron ao escenario, contando os vinte colectivos do primeiro Serán de Ourense. «Esto é un motivo de orgullo para os ourensáns e para a xente que nos gusta cultivar e manter as nosas tradicións», sinalou. Os cativos danzaron cos seus traxes e divertírionse no parque pois había atraccións para eles. Un verdareiro día de romaría no centro de Ourense. Bailaron alumnos de Queixumes e grupos amigos doutras partes de Galicia como Celme, ou Flores Novas, dos veciños de Lavadores, Ruibal... Folclore popular e xa pola noite mostra desa labor de recollida polos pobos. A media tarde había xa outra boa cantidade de xente, asistencia que se foi incrementando segundo ía chegando o solpor. «Ano tras ano creo que o esforzo que vimos facendo desde o noso colectivo veise reflectido no interese, no traballo e nese gusto que trae a xente que xa non só vén cos seus fillos senón que veñen a pasar un día de festa connosco», explica Viñas. No palco retemblan as taboas cos pasos dos danzantes ledos e rebuldeiros. O parque Barbaña non pudo ser mellor marco para semellante xornada.