DIARIO DE AURIA | O |

22 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

VINTETRÉS de abril, día do libro: tamén en Auria. Mañá os nosos libreiros sairán á rúa e porán libros, co dez por cento de desconto, ao alcance dos cidadáns. Os libreiros son máis importantes para unha nación que os conselleiros e ministros. Eu quero brindar por eles neste día, polos libreiros deste país e polos libreiros de Auria: esa Auria literaria da que tanto e tantas veces escribo, e canto. Polo demais permítanme unha recomendación libresca, hoxe que todos recomendamos ler (para ser). Recomendo con fervor o Ulises de Joyce. Fundamentalmente porque gozo coas obras que nos regalan novas sensacións, emocións, cada vez que regresamos a elas. Cando descubrín esta obra magna pensei que non se podería ir máis alá na expresión literaria, que o autor derrubara definitivamente os límites todos da linguaxe e que a súa singularidade era tanta que dende o Ulises a pretensión de ser orixinal resultaría, xa por sempre e en calquera autor, banal e intranscendente. Esaxeraba. O desexo de construír obras insólitas aínda é para min un dos cauces que debe seguir calquera obra artística digna. Pero o Ulises desborda calquera percepción. Non se trata simplemente dunha evocación moderna da Odisea de Homero, ou unha innovadora proposta estética onde o monólogo interior acada dimensións canónicas. O Ulises é o primeiro texto literario onde a linguaxe é tamén protagonista, tanto como Bloom, Molly, Dédalus ou Dublín (que é un Ourense en Irlanda). O Ulises é unha metáfora permanente, un símbolo en si mesmo, un producto do talento e da valentía dun autor para construír o seu propio universo dende o rigor artístico e a sensibilidade exclusivamente literaria. Polo tanto, a pesar de que o día do libro debe celebrarse constantemente, eu recomendo hoxe o libro dos libros: o Ulises de Joyce. Libro feliz, Auria. Empápate, de música e bicos e flores, con el.