DIARIO DE AURIA | O |

25 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ESCRIBIR no xornal é unha terapia. Un escribe no periódico para salvarse da actualidade. Por ese motivo un, para salvarse da actualidade, escribe da actualidade que ás veces parécese ao Miño: corre como unha caricia baixo os ollos da ponte. A actualidade parécese a ese compendio de sentimentos e emocións que somos, fomos e seremos. A actualidade de Auria son As Burgas, que están e non están. Un quere encher esta columna coa auga quente das Burgas e encontra un edificio sen vistas ao mar. Pero non. As Burgas talvez sexan o reclamo desa cidade termal que, con bo criterio, queren construírnos os políticos. A ver, que a min pódeme o escepticismo. Será o domingo, que me perturba. No domingo un pretende crear emocións de usar e tirar: para que ti as leves colgadas mentres paseas baixo a chuvia desta primavera sen abril. Ser escritor significa ser social, ou sexa, preocuparse polas cousas que van ou non van. Non podemos vivir en cápsulas herméticas. Escribir no periódico é un modo de constatar que somos e estamos e parecemos porque hoxe, os escritores, apenas existimos. Perdimos prestixio, función social e función educativa. Polo tanto eu celebro poder escribir no xornal sen ser xornalista, senón escritor. E este domingo ratifico tal postura con vehemencia e cantos de serea. O xornalismo é denotativo, a literatura é connotativa. O periodismo conta, a literatura (digo eu en contra da maioría) debe estimular, seducir, bosquexar, difuminar, suxerir. O periodismo recrea a verdade, a literatura pretende facer pasar por verdade a mentira que vivimos e que nos vive. O periodista informa e non comunica, porque a información e a comunicación son cousas ben distintas. Pena que todo se confunda. E aquí me quedo, reflexionando. Escribindo por escribir: emocións, simplemente. Para que a penúltima de Auria teña claveis que non sei pintar. Escribo. Escribo.