ANACOS | O |
24 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A riqueza patrimonial sempre ten unha compoñente perversa que é a que amola ó común dos mortais. Mentras os lexisladores e as autoridades miran por manter co mellor criterio posible aquilo que nos define como pobo e que nos trae á memoria colectiva os alicerces dos que por aquí moraron, ós galegos de voto e casal a historia e a riqueza patrimonial como que lle doen máis na conciencia diaria que lle enchen o peito de amor propio e patrio. O galego de andar por casa é máis práctico, como amosan as informacións «pintorescas» que nos chegan a cada pouco e que falan dunha ara romana tendo conta dunha columna mal feita para ter conta dun pendello, ou unha pía bautismal de hai séculos que aparece nunha corte -e como que di o veciño que a levou para casa «a igrexa estaba abandoada e antes de que viñeran outros e a levaran trouxena para a casa»-, e a posibilidade de atopar restos de valor patrimonial ou achádegos a conservar dalle carraxe polos atrancos, atrasos e molestias que lle poden causar as excavacións, medidas de protección, retrasos na execución de proxectos e outros condicionantes. Agora son o Concello de Ourense e a Xunta, outra vez, os que volven á lona polos restos que se atoparon no centro cívico: mantense a cimentación do valado romano atopado no proxecto para maior honra da memoria histórica do país ou vólvese a soterrar coa protección axeitada por non ser unha fonte de información abundante. Aí o dilema, ou o problema. Como sigamos así parece que políticos, lexisladores e autoridades van acabar facendo da cidade un parque temático centrado nos restos arqueolóxicos, os seus espazos termais -existentes e futuros- e as ribeiras do Miño. E para completar todo iso imos dispór dun medio de transporte non contaminante para os futuro visitantes do parque: un tranvía tirado por bestas. Un oasis de paz.