DIARIO DE AURIA | O |

18 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A PRÓXIMA semana empeza a primavera. Empeza con paxaros canores e noites cálidas, como as de inverno. Un ten na primavera un referente emocional. E sempre pasa sen decatarme apenas. Pasa meteórica, sen darnos tempo a disfrutar de abril: ese mes que nos rouban a diario. Polo tanto, esta vez vou facer acopio de valor e quince días antes, de anticipo, inicio abril no meu calendario. Quero que pase con máis gloria que pena, que non crezan os ananos do meu circo, que non veñan augas mil, que Deus axude ao que madruga e ao que non pode madrugar, que nos poidamos casar e embarcar en martes e trece, que chova café no campo, que As Burgas sexan emblema da cidade e non monumento con edificio adosado, que non se volva repetir, que a sensibilidade reine, que desaparezan salsasrrosas e tomates, que rías, que biques, que saltes de alegría. E, postos a pedir, pido felicidade para Pepe Araújo, concelleiro valente co que discrepo en moito (no festival de cine, principalmente) e co que me une o lazo indeleble da honestidade, a tolerancia, o respecto, a patria común da liberdade. Vai casar co seu noivo, home coma el. Fixo pública a súa postura. Déronlle o premio Morogo, pero eu quero darlle o premio do abrazo constante este domingo. Sei que é pouco, case nada. Só un vale, un viva, un así, un adiante. Homes como Pepe Araújo fan máis soportable a Dereita, fana liberal (no sentido máis extenso da palabra), antiacebes, menos Zaplana e máis humana. Eu quero recitarlle un deses poemas que volvo recitar, por fortuna. Dicirlle que só o amor fai a vida linda, grande, xusta. Quero reír con el as risas da voda, beberme as botellas que sigo bebendo, as noites que me alumbran e o candor da bohemia e dos artistas. Que non nos rouben o mes de abril. Hai leccións que non se escriben nin se dictan nas aulas. Fanse dende o corazón, coma ti. Que sea usted feliz, Pepe Araújo.