DIARIO DE AURIA | O |
11 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.LEVO anos afirmando que Xantar é un paradigma para esta provincia, e que se todos fixésemos os deberes como os fai Xantar habería de cantarnos outro galo, e que Xantar debía ser mellor aproveitada polas institucións. Esta provincia ten a obriga de crear marcas de identidade. As marcas son as que venden e as que funcionan no mercado xeopolítico, comercial, social e económico. Polo tanto debemos explotar o que nos é propio e non perdernos en vías de extinción. ¿E que resulta propio? O turismo, a gastronomía, o río Miño, a literatura e o mundo do pensamento (digamos intelectualidade), a auga, o viño. Hai máis campos, pero a nosa marca está aí. Xantar soubo entender perfectamente a mensaxe. E Ourense, copiando de Xantar, debía tomar boa nota. Creo que Ourense é unha cidade linda. E que as cabeceiras de comarca, dende o Ribeiro a Valdeorras, teñen personalidade e recursos suficientes para encarar con optimismo o futuro. Creo nos recursos humanos: porque creo no talento dos ourensáns e das persoas que levan a Ourense no corazón, e no intelecto. Polo tanto estamos no inicio dunha gran etapa para nós. E os políticos deben ser conscientes desta realidade. Esquecer a cor ideolóxica, os bandos e as bandas, e enfrascarnos todos na digna e tentadora ilusión do futuro. Ourense ten un porvir gozoso. Non volveremos estar penúltimos en enquisas e estatísticas. Sairemos do pozo porque queremos, podemos e sabemos. Ese é o meu desexo neste domingo que anuncia entroido. Outro paradigma. Outra marca de identidade. O camiño está trazado perfectamte. Só temos que seguilo. Con alento. Sen descanso. Mirándonos a nós mesmos e facendo patria auriense, que é a máis próxima e venturosa. E seremos felices, digo. Felices contemplando a obra que queda, que avanza, que prosegue o curso dos días. Os outros días que queremos para nós. Os días de Xantar, verbigracia.