ANACOS | O |

10 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA cousa é loitar e demandar iniciativas desde a oposición e, outra moi diferente, facer as cousas cando gobernas. Esa reflexión, que soen facer de contado os políticos cando cambian de estatus no que se refire ó poder, ben podería ser agora punto de partida para revisitar algunhas das iniciativas que se levaban poñendo en clave de actualidade nos últimos tempos. O PP, agora oposición única e escandalosamente maioritaria, interesase de xeito ostensible pola autopista Ourense-Santiago. O enlace de Santa Cruz de Arrabaldo foi o seu particular via crucis e agora tentan deixar patente a contradición dos que sustentan o bipartito: PSOE e BNG encirraron nos veciños para cuestionar a xestión do PP e de Alberto Núñez. E vaia se o conseguiron. Agora o silenzo caeu sobre o enlace de Santa Cruz de Arrabaldo: non se sabe se vai quedar igual, se existen alternativas ou se non se vai facer. Unha situación que xa ten provocado algunhas preguntas no Parlamento e a recente denuncia do agora lider do PP galego. O mesmo ten acontecido co «imposto revolucionario» que tanto se denunciou por parte de socialistas e nacionalistas. Mudaron as cousas, mais os ourensáns que acoden a Santiago teñen que seguir pagando un dos tramos de autopista máis caros do Estado e sofrindo o auténtico atraco a man armada que supoñen as taxas da AP-53. Pero isto non é Rande e agora os que antes protestaban viaxan en coches institucional, e a peaxe pagámola tódolos galegos cos nosos impostos. Nin se rebaixa, todo o contrario, nin se ten feito nada para rescatar ese tramo e o proxecto que agora está en construcción. O dito, pedir a lúa na oposición non costa nada. E cando se goberna xa haberá camiño axeitado para facerlle ver ós pobres mortais, e votantes, que o duro oficio de gobernar é unha lousa que non permite tódalas licenzas que un quixera.