ANACOS | O |
13 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.OS dirixentes do PP galego están chamados a celebrar eses exercicios espirituais que se coñecen como congresos en Compostela. Unha cidade que se presta ademáis a acoller ós conservadores, tan dados por definición a manter as tradicións e costumes que emanan do poder secular da capital de Galicia: o relixioso. Aínda que esta vez a xuntanza non será na catedral senón nun edificio «civil». Alberto Núñez será o verdadeiro protagonista en quen se centrarán tódalas miradas. O ourensán criado nos Peares -que vive en Vigo e traballa en Santiago como sinala na súa páxina de internet para respaldar ese concepto que acuñou de «Galicia, cidade única»- asume unha herdanza que non é doada, polo papel que no partido se lle ten concedido a Fraga nestes anos, máis que ten máis futuro que pasado. No PP xa pesaban máis da conta as medallas do de Vilalba, e cada vez son máis os que superan o «síndrome león de Vilalba» para cuestionar abertamente a figura do presidente fundador, a súa teima por non deixar paso e o seu gran erro de recuncar por quinta vez. Cuestión esta última á que moitos achacan a verdadeira razón da perda do deputado que lle podería valer a maioría absoluta ó PP. A nova executiva dos populares galegos apostará, polo menos segundo apuntan tódalas pistas, pola renovación e o recorte da media de idade da dirección do PP de Galicia. Algo que tampouco supón ningún risco, xa que a estructura que mantiña o partido tiña máis parecido cunha xerontocracía dos antigos paises do Este que cunha executiva dinámica, con ideas actuais e obxectivos claros máis alá de manterse no poder. Baltar consigue meter no primeiro nivel a un dos seus homes de confianza e ve como sae da executiva un dos homes de confianza de Feijóo. Só queda saber que papel lle reservan ó seu herdeiro.