ANACOS | O |
06 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.AGORA que xa pasaron os únicos reis nos que cre a xente, os da ilusión que os outros xa están enferruxados e con greas de xente detrás pedindo que se xubilen ou que se vaian pór morenos ó Caribe, as páxinas da realidade diaria siguen a recoller os desexos dos nosos dirixentes, esas cartas ós Reis Magos que non son máis que unha materialización do seu inconsciente en moitos casos. Os socialistas queren que o Concello de Ourense merque o solar no que se pensa crear o balneario das Burgas para reconducir o proxecto de crear un centro termal emblemático na cidade. Curiosa petición ós de Oriente. O líder dos socialistas ourensáns, Pachi Vázquez, anunciou en campaña que si gobernaba o PSOE a Xunta ía expropiar o terreo para «devolverllo ós ourensáns». Pouco deben confiar os do partido de Pablo Iglesias na capacidade de influencia do conselleiro de Medio Ambiente. Na cidade algúns cren ver unha renacida esperanza do alcalde por ser de novo candidato a dirixir os destinos de Ourense. De ser así vaille resultar imposible a Cabezas explicarlle ós cidadáns tanto cambio de opinión en tan pouco tempo, por moito que apele ós novos tempos e ó apoio do novo home forte do PP. E sen deixar de referirnos a Alberto Núñez Feijóo, o futuro responsable do PP de Galicia vai ter unha misión imposible na súa propia provincia. Cada vez son máis fortes os berros dos que agardan que o ex conselleiro xubile ós baróns do partido que xa están máis que amortizados e que faga a rexeneración tantos anos aprazada. No caso de Ourense máis de un agarda que, por fin e non sin tempo, os destinos da provincia deixen de estar en mans duns cantos alcaldes da terceira idade e de antigos renegados do partido que se convertiron en peóns de Baltar. A incógnita é saber se Feijóo ten pulso para esa travesía.