DIARIO DE AURIA | O |
03 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.MENTRES uns falan da victoria de Alberto Núñez Feijoo, outros, os menos, falan da derrota inevitable de Cuíña. Era asunto de libro, sabido por todos, incluso por Baltar, que é o máis astuto da tribo. Pero o virrei, home leal (da lealdade a Victorino non escribo), debe a Cuíña o pouso dunha longa amizade. Empezou hai tempo, cando todos lle daban as costas na cousa do baloncesto e o de Lalín, ¡será por pasta!, foi quen de botarlle unha man. Baltar, home de vila pequena, sabe ben o que é a lealdade (da lealdade a Victorino non escribo). Xogou as súas cartas con rigor de tahur: amosando as evidentes e agachando as que ninguén pode ver, só el. Estou por apostar, e aposto, que lle dixo a Cuíña que estaría ao seu carón pero que non morrería con el, porque o virrei sabe que en Roma só desfilaban os que quedaban atrás, os que daban a cara, pero menos: para que non lla partisen. Só desfilan os listos, coma el. E un listo coma Xosé Luís Baltar bordou a cousa da lista. Pactou, porque el débese ao partido. Pactou porque el non será cadáver político. Pactou porque o seu vástago, Xosé Manuel, está chamado a ser un home importante da Dereita galega. O virrei Baltar en auga pantanosa, pesca. Cando a estrada está mollada, non esvara nunca. E non sobe en helicóptero a miúdo, por se acaso. Foi o primeiro en xurarlle fidelidade a Rajoy cando foi designado, en democrático acto do aznarato, candidato e presidente do partido. Incluso apareceu con pancarta solidaria e cun trombón, de varas e abrazos, no seu corazón enardecido. Foi o primeiro en apoiar a súa entrega incondicional á nova directiva. El non coñece máis regras que as da política, son escasas, escuras, e resúmense nalgún verso de Francisco Quevedo: Vive para ti solo si pudieres porque sólo para ti, si mueres, mueres. O máis listo xoga coas listas. É o virrei de Auria. Grandísimo. Sempre.