DIARIO DE AURIA | O |

26 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

SE EU fose o alcalde Cabezas, que non o son, centraría o desenvolvemento futuro de Ourense na pedra angular da universidade. E digo desenvolvemento porque quero dicir prosperidade, progreso, ideas. Iso é o que debe ter valor para poñer en alza a cidade. Non é simplemente unha cuestión de infraestructuras, é tamén unha cuestión de valores intelectuais, capital humano e profesionais capaces de darlle a volta a esta cidade envellecida, desindustrializada e lenta. Agora a universidade vai ter xerencia autónoma, o que vai facilitar os asuntos burocráticos. Agora ten unha biblioteca á que debemos sacarlle partido. Eu presumiría de biblioteca e faría dela un referente cultural da cidade. Tamén unha marca de prestixio. Ese prestixio é o que debe encamiñar o porvir: o vigor intelectual. Aproveitaría, se fose Cabezas, para reclamar de Vigo as titulacións humanísticas que nos identificasen: ¿se somos a Atenas de Galicia por que non nos empeñamos en impulsar unha cidade culta capaz de exportar, e vender, o seu patrimonio? Se eu fose Cabezas poría en marcha un consello municipal de cultura dinámico. Se eu fose Cabezas, que non o son, escoitaría máis aos que dende unha postura crítica piden un festival de cine diferente. Porque os peloteos son útiles para elevar a autoestima, o ego, pero pouco axudan á xestión municipal. Saiba pois, o alcalde Cabezas, que temos a oportunidade de aumentar vínculos coa universidade e coa cultura, que é o único camiño sensato e poderoso que lle queda a esta cidade. A universidade ten un bo vicerrector, Mazaira, e creo que a cidade ten un alcalde dialogante e capacitado para enmendar erros e reconducir a nave de Auria: a marca de Auria. ¿Que somos? ¿Que queremos ser? Se eu fose Cabezas, que non o son, diría que somos moitas cousas pero que somos, principalmente, cultura. A universidade é o camiño. A meta chámase futuro.