Documentalismo para recuperar e difundir a memoria dun país

Camilo Franco OURENSE

OURENSE

«Fillas de Galicia» conta a vida de dúas mulleres galegas asentadas en Cuba Xan Leira deu a coñecer os seus dous últimos traballos sobre Casal e a emigración

14 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

?s documentais son unha ferramenta para a recuperación da memoria. Xan Leira pasou polo Festival para presentar dúas obras que gardan estreita relación con Galicia, ca súa historia política e máis coa social. Ademais das dúas obras de Leira, hoxe incorpórase á programación Fillas de Galicia , un documental sobre a actividade de dúas galegas en Cuba. Leira presentou as dúas películas máis recentes da súa productora, Acuarela. A primeira delas, a xeito case de biografía, recupera para o coñecemento a figura de Ánxel Casal, fusilado en 1936 polo franquismo e que antes desa data foi un dos grandes e activistas do galeguismo e un dos seus fundamentais editores. A segunda película dirixida por Leira é Viceversa , un documental de ida e volta entre Galicia e Arxentina que quere explicar algunhas das causas e das consecuencias dos fenómenos migratorios do século XX, tomando como referencia a historia da emigración galega. Para Leira, ambos os dous documentais responden a unha mesma vocación: «facer visibles argumentos que foron quedando ocultos pola historia e que merecen unha explicación». Na mesma sección do festival, Panorama de Galicia, pódese ver desde hoxe un documental financiado pola Secretaría Xeral da Emigración e realizado por Natasha Vázquez e Ernesto Daranas. Fillas de Galicia conta a historia de dúas mulleres de orixe galega, residentes en Cuba para tentar explicar a dureza da súa loita diaria. O título do documental é o mesmo nome dunha sociedade que nos anos sesenta chegou a agrupar en Cuba a case 60.000 mulleres galegas ou descendentes de galegas. Adela Feijoo ten 103 anos e María de Jesús Vilanova 44. Asumen o protagonismo desta cinta que se inicia co retorno á súa aldea de Mugares da galega centenaria. Ademais de contar a historia destas dúas mulleres, no percorrido que propón o documental tamén se conta coa opinión de especialistas nos movementos migratorios e na relación entre Galicia e Cuba. Xénero documental O documental é un xénero que ten acadado un respaldo do público nos últimos anos, pero con algúns problemas de comercialización e de difusión. Xan Leira explicou na súa intervención no Festival que un factor importante para que os documentais realizados en Galicia cheguen ao público «é que a Televisión de Galicia entenda o carácter do xénero e a súa capacidade pedagóxica e divulgativa». Para Leira sería necesario que a televisión fose asumindo ese papel que ata agora non cumpríu de «ofrecer calidade e contidos serios». Para o realizador «o documental é un xénero que cumpre perfectamente con estas premisas». No mesmo o realizador agarda un cambio da nova TVG.