DENDE O ORCELLÓN | O |
10 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.HOXE comezo así, moi anglosaxón, para reivindicar dalgunha forma esta data tan nosa como son os magostos, unha tradición de moito arraigo e raíz, moito máis presente na nosa provincia ourensá e un pouco esmorecida no resto de Galicia. Para min esta tradición, calificoa como unha cultura imperecedoira e inmaculada, que se foi traspasando ao longo dos tempos, sempre acubillada polo fervor cosanguineo que nos trae un animal tan pouco salvaxe, e tan domesticado, como é o noso porquiño. Así amparados polo ritual máis devoto e ancestral como é a matanza. Nesta mesma data festexamos a degustación íntegra do benquerido porco, cocho ou marrao. Estes nomes dependen sempre, segundo a zona e autoridade que posúa a víctima deste milenario ritual. Sendo sabedores de tan nobre degustación, a nós tamén nos chega o tempo de cambia-lo costume de inxerir xantares deses sen cultura... máis coñecidos como comida rápida ou fast food . Agora, e como di o refrán galaico: «A todo porquiño lle chega o seu San Martiño... » tócanos pensar en nós, e por nós. Nestas datas ata chegamos a esquecernos do espírito máis aglosaxón e globalizado que acostumamos a ter. E cambiámo-la hamburguesa por unha boa cachucha con cachelos, ou unha orella con pimentón, ou unhas nutritivas filloas de sangue, mesturadas co viño novo, ou porque non, unhas frebas chamuscadas no lume purificador. E así... por unha vez esquecémonos do Halloween e tinguímonos da borralla das castañas, enchoupámonos de cor etílica do licor do negro café, e ata podemos namorarnos ao carón das brasas incandescentes. Cecais no resto da globalizada Europa non lle dean demasiado interese a esta nosa enfeitizada tradición sanguínea, pero que saiban que nós seguiremos celebrando o St. Martiño's Day.