DIRIO DE AURIA | O |
29 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.LA enloquecida fuerza del desaliento. Escoito. Como rumor de chuvia. Escoito os poemas que ti me escribes, Ángel González. Esta Auria de todos os santos, de vento, de meigas que me pasean como ríos, lentas, por baixo da miña pel de ebrio trobador que só troba poemas sen rima, sen lúa, sen abrazos. Escribo de Samaín porque hai unha voz interior que me afasta do relevante e político. Dos informes económicos sobre a Deputación e o Concello. ¿Para que escribir do obvio? Temos os políticos que votamos, os informes que votamos, a provincia que votamos: medio última, medio la ciudad fantasma. Prefiro a Ángel González, nesta tarde de chuvia e melancolía, de nubes e gotas de licor nos meus labios, de aquí estou, tan de lonxe. De taburetes na esquina dunha barra de casa, solitaria coma min. Preguntándome como no blues de Miguel Ríos: ¿qué estarás haciendo tú? Degranando as razóns desta columna mentres a escribo sen escribir o que pretendo. Escoitándote Ángel: El elemento misterioso misterioso que determina mi tristeza cuando te vas¿ lo que la gente llama amor, en suma. Escribo caído como un verso sen principio, un mañá sen bos días, un santo sen día que celebrar. Un de novembro. Danzando. Como cabazas na porta dun colexio. Con flores nos cemiterios que nos recordan o pouco que somos, a brevidade, a nada. Só quedan os sentimentos. Sentir é vencer. Quen sente a chuvia sabe que somos chuvia, simplemente. Quen coñece o valor da ausencia, sabe que vive, que viviu, que pagou a pena o intento de querer e ser querido. Elas e eles, mortos de cemiterio que aínda acenden o noso corazón, tanto. Lo que la gente llama amor, en suma. Por iso afirmo que os informes políticos teñen menos relevancia que un caravel, fráxil, no mármore calado dos mortos. Samaín. Hai unha voz interior que me empuxa a escribirte. Como os versos de Ángel. Lo que la gente llama amor, en suma.