ANACOS | O |
28 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A actualidade case que fai obrigado que se fale dos números das corporacións locais e da provincial, o chamado concello dos concellos. Poderíamos darlle moitas voltas ó asunto e esgrimir argumentos a favor e en contra das actuacións que se fan nos concellos e na Deputación e as precisións que apunta o Consello de Contas nos seus informes. As matizacións do organismo autónomo ós concellos -agora está sobre a mesa a xestión de Ourense como antes estivo a do Carballiño- e á Deputación e as razóns que estes alegan teñen un corolario que semella aquilo famoso de «e estes dez mandamentos se pechan en dous», a saber: que as institucións públicas empregan o diñeiro para ter contentos ó maior número de votantes posibles -sin doerlle o corazón, porque o poder non o ten, polo destino de moitas desas axudas- e que, por principio, se prima de xeito especial ós que son afíns. E estes dous mandamentos están globalizados: teñen a mesma validez aquí e en China e non teñen cor política de referencia. Mais non quería falar diso senón dunha tradición, aínda que a que veño de referenciar xa está asumida tamén como tal, que se está a tratar de recuperar. Nalgunhas livrarias se poden ver nestes días os traballos e os estudios sobre un costume que volve do esquecemento: a noite de Samaín. Nesta fin de semana haberá charlas na cidade sobre esta tradición que está emparentada coa que comercializaron perfectamente os americanos e que agora tentan monopolizar os colexios, os pubs e as academias de inglés. Arturo Lezcano lembra nalgún dos seus relatos, con Maside ó fondo sempre de referente, como na súa infancia se poñían as cabazas nas noites de outono nos balcóns e nas galerías das casas, convintemente baleiradas e cunha vela acesa no seu interior. En Dacón, na Aldea de Arriba, tamén se poñían, aínda que nada se sabía de Samaín.