ANACOS | O |

21 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTAMOS no tempo das reformas políticas. Cando se están a conmemorar os 25 anos da campaña do refrendo do estatuto galego -na hemeroteca deste xornal lembrábase onte a convocatoria dese proceso e aquel famoso eslogan de referencia: «Anque chova, vota»- xa se anuncia a revisión do mesmo para axeitalo ós novos tempos a ás novas demandas da realidade galega. Mentras os vascos reclaman para eles o papel de pioneiros no referente á reformulación do Estado e os cataláns non dan marcha atrás no da aprobación do novo estatuto. Ata Méndez Romeu quere pasar á historia por promover a reforma da lei electoral galega. Proxectos electorais á marxe, o que si é certo é que o novo panorama político galego e español ten ós nosos representantes públicos do máis activos e dilixentes, en moitas ocasións non tanto por iniciativa propia como por «neutralizar» ó futuro inimigo político e colocarse a medalla de turno. O conselleiro de Industria anunciaba hai días o acordo con Paradores para abrir Santo Estevo todo o ano. Para non quedar atrás os socialistas desfanse agora en comunicados para colocar polas nubes ó ministro Montilla e para pormenorizar as obras para que se vexa que controlan máis que os do BNG. O mesmo pasa coa mellora da N-525, en Albarellos, pedida por Francisco Rodríguez no Congreso e aprobada pola comisión de Fomento. Os socialistas lembran agora que xa existía un compromiso acadado por eles e que a boas horas. Ata Baltar se espabila agora máis do habitual para non quedarse atrás neste panorama político nada favorable que lle toca vivir desde o pasado mes de xuño. Onte mesmo sentou na mesa a quen tiña que sentar para resolver o enésimo problema das vivendas do Pereiro. E ¡feito!. E que o último que podería pasar é que o resolvesen os do Bloque desde Vivenda. Iso sería o principio do fin.