DIARIO DE AURIA | O |
01 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.¿OS delegados do BNG cometeron un erro mandando retirar a bandeira española nas súas tomas de posesión? É probable. Por unha cuestión institucional. Tamén por unha cuestión electoral: non está o Bloque como para perder votos pola inxenuidade de quitar bandeiras. Pero se esquecemos o politicamente correcto, o das bandeiras é un asunto baladí. O mesmo que as referencias dos populares á Constitución. Espero que algún día os populares falen da Constitución noutro sentido: iso da igualdade, da xustiza e da liberdade para todos. Nada máis dogmático que a Constitución intocable. As Constitucións son mudables: poden cambiarse, igual que as bandeiras. Debemos recordar que esta, la roja y gualda, era a bandeira dos que ganaron a Guerra Civil, non a bandeira dos que perderon. É a bandeira que enarbolaba o dictador para prohibir as outras bandeiras, a galega, por exemplo, esa que si estaba presente na toma de posesión dos delegados nacionalistas. A bandeira roja y gualda non foi nunca a bandeira da unión do Estado Español, senón que foi o símbolo separador de culturas, segregador, marxinador e que serviu para humillar a moitos, encarcelalos, torturalos e, tamén, asasinalos: en nome da patria e da bandeira que non sentían como súa. Aos delegados nacionalistas vénceos a quimera de ter unha soa bandeira, pero iso, a estas alturas do partido, resulta anacrónico. E sabémolo. Retirar la roja y gualda para min posúe un fondo regusto rebelde, e gústame, por rebelde precisamente. Claro que os rebeldes non temos cargos institucionais nin os queremos. Porque se aceptamos o xogo de estar en política é porque aceptamos as regras. Pero tamén, e de paso, para loitar por cambiar as regras impostas que non nos agradan: e para iso están os Parlamentos e o diálogo. Mentres as bandeiras copan a actualidade, eu aférrome á bandeira do corazón. É a única que me motiva.