DIARIO DE AURIA | O |
24 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SON así, tan imprescindibles, que fan o apotegma de Brecht certo e indisoluble: eles son os homes e as mulleres que loitan toda a vida. Van de licor en licor coa súa bandeira, neste país monárquico, e embarazado, que agarda o principiño. Son tan imprescindibles que a min me teñen emocionado, medio lelo, e cada vez que teño que escribir deles cáenseme as bágoas entre os gintonics, que é a mellor maneira de que se me caian, e non regresen, e non me coman a alma por noctámbulo, bebedor, inconformista e tan incorrecto que me la trae floja la casa, la política, y la fórmula uno del tal Alonso, que non é Quijano senón premio Príncipe de Asturias, que manda truco. Non creo que hoxe estean no cemiterio, inaugurando monumento, nin Letizia, nin o Felipe, nin Alonso. A República non precisa rostros, senón corazóns. É unha utopía que será real, igual que este Celtiña na pool position futbolera. Inaugurar monumentos republicanos é un anacronismo neste mundo simbolizado en operación triunfo e academias onde os libros están prohibidos, obsoletos, mentres os muchachos pensan que bailar de lejos no es bailar, es como estar bailando solo. Danzad danzad, malditos. A República, verán, é como máis democrática. E hai que dicilo nestes tempos nos que a corrección democrática está de moda. É máis de aquí, máis provincial, e rural, e ourensana. En Ourense podía declararse unha República, do librepensamento, verbigracia. O librepensamento que é o que exercen estes muchachotes fornidos que non cesan e resisten. E os que resisten, ganan. Emocióname a súa idea utópica, por utópica, si, pero tamén por esperanzada. Son os que me levantan o ánimo cando non me levanto da cama, son o meu bolero e a miña razón. Viva a República. Dígoo porque si, porque me peta e quero e dame a gana, como Celso Emilio. Libremente. Republicano, y a mucha honra. Lo juro.