¡Augas quentes!

| VÍCTOR VÁZQUEZ GULÍAS |

OURENSE

DENDE O ORCELLÓN

19 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALA polo mes de xullo tiven a oportunidade de mergullarme nunha das famosas pozas de Prexigueiro, pertencentes ó concello de Ribadavia, o pouco de saír daquel fervedoiro de auga quente, sentei nun enorme canto rodado do río, o carón mesmo onde mana de forma natural aquela terma. Alí mesmo... sumamente relaxado non parei de cavilar como a eterna natureza nos amosa a inmensidade de praceres totalmente de balde. Aínda abraiado pola maxestuosidade deste lugar, observo como tódolos días ata aquí se achegan numerosos romeiros que peregrinan na procura destas miragreiras augas, máis sorprendido quedei cando de súpeto unha numerosa familia de hippies, que viñan dende Francia, deron con este sitio tan recondido e mal sinalado. No mesmo instante aínda coa dificultade da súa sinalización, decateime de que a grandeza deste sitio faino popular sen publicidade aparente. Pero o máis desastroso ben agora xa que fai uns días estas termas naturais e gratuitas foron espoliadas por unhas persoas que se denomina socialistas pero que pretenden fins capitalistas. Por iso gostaríame recordarlle a definición que a Real Academia da Lingua Galega fai do socialismo: chámaselle a aquela doutrina económica, política e social que procura a mellora das clases menos favorecidas, tendendo a unha mellor igualdade entre ricos e pobres. Espero que con este recordatorio algúns se dean por aludidos e deixen que as pedras vergoñentas que taparon as lucidas termas retornen o monte de procedencia e que todo volva o seu remanso, para que todos poidamos compartila tal e como é (de forma gratuita). Tamén sería bo que estes de quen vos falo deixen de manter o seu trono co cu quente e poidan erguerse para facer máis polo turismo intelixente, non promovendo un turismo depredador que sexa so para dous privilexiados.