DIARIO DE AURIA | O |

16 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HOXE escribo a contraluz, ou a contrapelo. Está saíndo o sol e un, en vez de entrar, levántase. Sobre o Támega hai unha breve brisa de néboa, inapreciable, e o ceo está medio rosa e medio azul. O castelo amenceu comigo, que é como amencer cun individuo inexistente. Un comeza a existir cando ten o periódico nas mans. Sen periódico a existencia é mentira. É La Voz quen certifica que o mundo pasa, crece, decrece e segue matándose en Irak, en Nova Orleans, ou nas esquinas dun barrio de piratas. Ás mañás fáltalle a prosa. Un non encontra a prosa ás oito en punto. De noite é diferente: parece que o vaso escribe, e a melancolía, e o negro instalado nos ollos, na boca, nos arrecifes da alma. Hoxe escribo desta provincia sen saber qué pasa. Porque o columnista pode permitirse inventar unha Auria distinta. Aquela que Blanco Amor esculpiu sobre outro barrio de piratas, que era un barrio de putas. A estas horas levántanse os cargos, as cargas, a nova política empeñada en facelo ben. A estas horas eu estou en período de adaptación. Buscándome. Buscando esa prosa que necesito para non escribir a contrapelo. Unha prosa que invente un Ourense menos provinciano. Un final para este principio. Bos días, Auria, ¿tomas un cruasán comigo?