DIARIO DE AURIA | O |
19 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.FALAN de espectáculo dantesco os que nunca leron ao Dante e non saben que en Dante, xenio, conviviron tamén os mil paraísos e as rosas de Alexandría que facían fermosos os ríos do mundo. Asimesmo chaman kafkiano a un asunto absurdo cando o absurdo, e Kafka, pouco ou nada tiñan que ver. Kafka falaba dunha forza exterior abominable que negaba os impulsos interiores, íntimos, do ser humano. Unha forza devastadora que o anulaba. Os incendios son kafkianos e dantescos. Anúlannos. Por tal motivo eu declaro nesta columna para quen queira recortala que somos un país de segunda, subdesenvolvido, necio, canalla e miserable (recorten, por favor). Somos un país sen remedio, cretino e gris. E direi isto mentres os montes da miña terra sigan ardendo. Mentres haxa quen se beneficia de tanto calvario (o monte aquel onde ardían as almas). Mentres non estean no cárcere, queimados tamén, os que prenden lume nas aristas desta provincia e deste país. Malditos sexades. Maldita a vosa estirpe e a vosa conciencia. Maldito o sobre co que vos pagan e as dádivas que agardades de tanta dor, de tanta ferida. Hoxe escribo con rabia. E a golpes de tecla vou lavando a honra que nos queda aos galegos. Que cada vez é menos. Temos queimado, en cinsa, o noso corazón.