DIARIO DE AURIA | O |

29 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DEBERÍA estar aí, ao teu carón, pero o verán colocoume na outra esquina do mapa. Debería estar aí, abrazándote ou sentado perto de ti, observando como o fume do tabaco se enrosca na túa barba cana e de Quijote. Aprendín que a amizade é un substantivo que se resume en acompañar, acompañarte, cando non sopra vento a favor. E estes anos o vento vén de fronte, canalla e despiadado. Debería estar aí, amigo, aloumiñando a túa tristeza coa miña voz, que non serve para nada, só para escribirche este bico, este abrazo, este ánimo, colega. Marchou a túa nai e sei que marchou unha parte de ti. As palabras son mudas, sempre. Vale máis unha mirada que este oficio que me come a vida: as letras. Pero na distancia non podo facer máis, só escribir. Recordar que tal vez virán tempos mellores, que brindaremos de novo, que habemos de rir, e seguir soñando, e caer mil veces, e levantarnos. De derrota en derrota ata a derrota final. Virán os paxaros da felicidade a pousar de novo rosas nos ollos, e caricias nas mans, e horizonte. Estou lonxe pero estou contigo. Han de volver as flores, e abril, e o viño para celebrar o gozo de estar vivos. Debería estar aí, ao teu carón, abrazándote. Pero só podo enviarche este quérote. César, amigo meu.