Rúa dos viños

La Voz

OURENSE

DIARIO DE AURIA XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |

22 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CREO que perdemos un montón de pasta co asunto do IBI. Non importa, nós somos ricos porque temos rúa dos viños. A rúa dos viños é unha riqueza que Ourense non pondera na súa xusta medida. É o auténtico patrimonio, o gran capital, as accións que cotizan á alza no mercado económico europeo. Nos viños un comprende que a vida é un fermoso poema con sabor a chocolate, unha canción de amor, un me gusta cuando callas porque estás como ausente. Se eu fose Manuel, alcalde, declararía á rúa dos viños como ben de interese cultural, e incluso máis, faría o posible para que fose declarada monumento universal, como a muralla de Lugo, ou así. Na provincia as rúas dos viños esmorecen, por desgracia. Queda Xinzo, onde o chiquiteo aínda resiste. Pero O Ribeiro, O Carballiño e Valdeorras viviron tempos mellores. É preciso, autoridades todas, que reflexionemos sobre a verdadeira riqueza e abandonemos posturas politicamente correctas. Subvencionemos as rúas dos viños e deixemos de lado outras nimiedades. O viño defínenos, fraternízanos, acaríñanos, engrandécenos. A rúa dos viños é a verdadeira cultura deste Ourense sen IBI. E para qué o queremos. O importante é vivir/beber. Porque a provincia que bebe unida, unida permanece.