ANACOS | O |
19 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O pasado luns comezouse a escribir en Compostela unha nova etapa da historia de Galicia. A que vai marcar o cambio logo de 16 anos de goberno do PP. Toda alternancia e boa e ós populares tócalles agora renovar o vestiario e ir dando a coñecer caras novas, que as que viñeron mandando ata o de agora no partido hai tempo que estaban amortizadas, por máis que ninguén se atrevera a decirlle a Fraga que o seu tempo xa pasara -é como cando lle contan ós rapaces aquilo de O traxe do Rei-. Socialistas e nacionalistas ostentarán o poder nos próximos catro anos e agora si, agora terán oportunidade de amosar se todo aquilo que foron prometendo era palla ou compromiso. Os nacionalistas, sobre todo se Suárez Canal colle Medio Rural, contarán con oportunidades máis que sobradas para facer efectivo o seu compromiso coa provincia e co sector primario da mesma. Os socialistas poderán cumprir o compromiso público de Pachi Vázquez, con Rubalcaba diante, de construir o Circuito de Alta Velocidade en Verín. Tamén de expropiar os terreos de Xardín das Burgas. E Quintana terá na débeda histórica o seu reto particular. Serán, cando menos, anos apaixoantes.