DIARIO DE AURIA | O |
16 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SOMOS unha provincia que se asa, un forno, unha ofrenda de fachós que corre polas rúas deste xullo candescente e promiscuo. Somos unha provincia sen política de ring, tranquila como John Wayne interpretando un papel de sherif na película da túa vida, corazón. Somos as Burgas e o santo Cristo, as festas gastronómicas e o baleiro informativo peiteando as praias do noso desespero. A nós fáltanos un océano Atlántico, un mar Cantábrico, un frío que se enrosque no noso pelo trasnoitador. Nós, con mar, seríamos Manhattan, Hollywood, corrupción en Miami e cousas semellantes. Moito coche de alto copete, mozas espectaculares e mozos vestidos de branco nas recepcións da Deputación provincial. O Ourense turístico hai que vendelo con auga. Festas nas prazas públicas. Construír piscinas en todas as casas rurais, no ático dos hoteis, na rúa dos viños e nas vilas principais da provincia. Piscinas orixinais. De cores, divertidas, con atractivos relacións públicas adornando partys e after hours. Ourense precisa investir en piscinas. Céntricas. Piscinas nos aparcamentos subterráneos, piscinas no campus, piscinas nos restaurantes. Porque vai calor, porque nos sofocamos, cansamos, derretemos. Oh, corazón, canto extraño aquel frío de primavera.