DIARIO DE AURIA | O |

27 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SOMOS centro de atención. Telexornais e periódicos apuntan a noticia coas letras, e as bocas, entrecortadas. Somos centro da crónica máis negra desta España cibernética, pero tamén esta España de clubs de estrada e sexo barato. Somos o peor dos pesadelos, a imaxe goiesca dun mundo absurdo que non escribiu Kafka. Dóeme, coma ti, a alma mentres escribo esta columna. Porque non acabo de dixerir a noticia: os violadores infantís, os pornógrafos internéticos, a canallería levada ao máis vil dos extremos. Ás veces un quere gritar que pare o mundo, que quero baixar. Que paren os noticiarios de amosar a cara máis burda do progreso. Que non nos toque, a esta provincia penúltima en todo, soportar tamén os titulares tétricos da actualidade. O mozo é da Rabaza, barrio de homes e mulleres honestos, pleno de xente xenerosa, traballadora, humilde. Teñen a tristeza escrita, como un mapamundi, nos seus ollos estes días. Porque hai cousas que non podemos comprender. Porque o abxecto, cruel, vexatorio, non pode vivir ao noso lado. Pero vive. Lembro o Kurtz de «O corazón das tebras», o magno relato de Conrad. Ao final da novela grita: Horror, horror. Ao columnista, para escribir este sábado, non lle queda outra palabra. ¿E a ti, corazón?