DIARIO DE AURIA | O |

09 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SON máis resistentes que as pilas Duracell. Son un bolero. Un si tú me dices ven. Unha canción de Janis Joplin. Un disco de la chica de ayer (y la de hoy, que es la que más queremos). Levan estrelas vermellas nos ollos, nos seus dedos artistas. Teñen a ilusión por segunda bandeira. A primeira ten as tres cores da República. A próxima semana encherán de actos e de cultura esta Auria que suspende feiras no Paseo. Feiras da Saúde (a ver, hombre, que yo me entere, ¿ya han pedido disculpas?). Os Amigos da República son carne da miña carne. Son corazóns abertos á utopía, á esperanza, a bicos de madrugada e licores que nunca terminan. Son camaradas de soños. Pero son camaradas, tamén, de todo o que nos queda por conquistar: a beleza, as cousas fermosas, o candor do importante, do pequeno. Saben que todo o que necesitamos é amor. Saben que debaixo do asfalto está a praia. E que somos realistas, e que por iso pedimos o imposible. Estes Amigos da República son os meus amigos. Na distancia. Nesta distancia de exiliado que escribe libros que non publica. Pero escribe. Sintagmas de fe: quérote, república, rosa, futuro, bolboreta, maradentro. Non teño máis palabras que as vosas palabras. Non podo evitalo: quérovos. Sen remedio.