DIARIO DE AURIA | O |
11 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.¿ALBARIÑO no Ribeiro? ¿E por que non? ¿Acaso existe agora unha exclusividade absoluta á hora de elaborar caldos con esta ou aquela uva? ¿O tempranillo ten tamén certificado de exclusividade? Estas disputas suceden neste país porque este país, en cuestións de autoestima, é así de mentecato. O importante do viño é a súa calidade, non o pedigrí de orixe. Sabémolo agora. O Ribeiro debe esquecer o pasado recente e instalarse na elaboración coidadosa, mimada, de viños excelsos. Ese é o camiño que seguiron algún dos seus colleiteiros e hoxe, por fortuna, o Ribeiro pode presumir de ter viños que igualan aos mellores albariños e que compiten con eles nas catas máis prestixiosas. Talvez o problema dos Rías Baixas é que ven agora no Ribeiro ao competidor que anos atrás non tiñan. No Ribeiro están Emilio Rojo, Vilerma, Viña Meín... e tantos outros que podía citar: caldos de altura considerados e moi estimados no mundo do viño. Estas cousas hai que sabelas e poñer en xusto lugar o cabreo infantil de Rías Baixas. O importante non é o pedigrí, senón a calidade dos viños. Para Galicia é un orgullo presentar os seus brancos (albariños, ribeiros, godellos) en calquera lugar do mundo. Eu, se fose Marisol Bueno, estaría contenta.