DIARIO DE AURIA | O |

19 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI domingos que parecen alcachofas: hai que quitarlles a parte de fóra para saborealos. Domingos que ves unha urna diante. Que votas si ou non, ou votas en branco para indicar que te la refanfinfla. Saúdas ao presidente da mesa pero preferirías que o presidente exhibise unha caricia, entre os labios, cando sinala que ti, cidadán, votas. Domingos sen Madrid e sen Barcelona, pero co candor do fútbol repicando nas entrañas de Auria. Domingos nos que esperas un regreso (de risas, de pasión): ese hábito ao que non renuncias. Domingos con abrazos incorporados entre as súas uñas, sen política, sen oposición, sen goberno, domingos ácratas como o inverno. Eu, este domingo, despois de votar pedirei que no me quiten lo bailao, que se encaramen nos meus ollos os ollos que fan soñar aos adolescentes, que me queiran máis ou menos que onte, pero tamén máis ou menos que mañá (que alguén te ame: iso é o que nos salva). Hoxe, domingo, non escribirei máis poemas que os poemas dos amigos: que votan si, non, en branco, ou non votan. O entusiasmo é un valor en alza nesta columna. O demais, escribiuno Shakespeare, é silencio. Sólo el amor enciende la maravilla, canta Silvio Rodríguez. Y yo canto con él, corazón. Sólo el amor, sólo el amor¿