DIARIO DE AURIA | O |
22 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O VENRES celebrouse na Casa da Cultura de Xinzo un acto solidario. O motivo: recadar fondos para Asia. O organizador: O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. Actos como este, humildes pero enormes, marcan a aqueles que participan. Porque un chega ao País da Limia e sorpréndese por tanta bulicio social, grupos de música, teatro, artísticos, literarios, folclóricos, investigadores. O País da Limia, independentemente das estadísticas, é un país rico, fértil, con futuro. Digo sempre que o patrimonio dun pobo é o propio pobo. Na Limia están de noraboa. Hai anos que non observo tanto entusiasmo social nunha vila, tanto balbordo, tanta iniciativa. Se toda esta riqueza fose aproveitada polos que gobernan, o futuro cambiaría, tamén, as malas estatísticas: esas nas que sempre somos penúltimos. A Limia, terra de Antela, enche de emoción, gratifica, alimenta a alma e os soños. Eu, se fose presidente de algo, amosaría o CDR O Viso como paradigma de tantas cousas precisas: a ilusión, a fe no propio, o orgullo de ser o que somos, a entrega. E de paso, levaría a actos como este a todos aqueles que na capital, ou noutras vilas de máis sona, se cruzan de brazos e admiten a derrota. Desta provincia. Polos séculos dos séculos. Amén.