DIARIO DE AURIA | O |

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

EN VISTA de que remata novembro, de que arriba a chuvia a Auria bonita, de que cantamos pese a todo. En vista do frío, das matanzas que chegan, das muñecas de Famosa que se dirigen al portal. En vista de que san Martiño pintou os dedos da alma. En vista de todo isto e moito máis que non apunto, escribo esta columna con ánimo enardecido para brindar polas horas mortas e inútiles. As horas mortas non saen nos xornais, non ocupan titulares de prensa, non son, nin sequera, precisas. As horas mortas parecen ser os inimigos desta provincia. Intentamos escapar delas pero non podemos. Os xubilados alimentando ás pombas da Alameda son o exemplo vivo das horas mortas, as que cantaban os clásicos en interminables libros de reflexións encomiásticas e metafísicas. Un quere animar aos ourensáns a practicar o hábito das horas mortas. Aburrirse. O aburrimento é algo necesario para desandar os camiños de estrés aos que nos vemos sometidos. Aburrirse é a meta. Eu levo anos desexando aburrirme. Non ter nada que facer, nada, e aburrirme absolutamente. Tumbado panza arriba no algodón dunha nube. Aburrirme. Sen libros, sen escribir, sen pensar. Botando migas de pan ás pombas. Como fai meu pai nestas mañás de frío. Nada máis.