DIARIO DE AURIA | O |
13 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.OS RECORDOS queiman. Constantes, enfermos, contaxiosos. A memoria, de chuvia e caricias, leva ao ser humano a mirar as horas felices. Eu miro á miña xeración. Perdida, extraviada entre copas de Bob Dylan e bicos que non ían a ningunha parte. Minto. Ían a mil labios, ollos verdes, azuis, marróns como este outono de clavicordio e postais de nubes con sol. Os bicos pousábanse no parque san Lázaro nas meixelas brancas, e frías, das muchachas de instituto e Carmelitas e Santo Ángel e Josefinas. Mirábaas prender cigarros ás agachadas. Despois estaba Nitons'2, que empezaba con Lone Star a súa furiosa tarde do venres. Eu, que era moi golfo, viña dunha banda de rebeldes que residía entre noites de Kojak, no Progreso, e a música de Deep Purple mollándome de lágrimas, de versos, as madrugadas de delirio e chocolate. Non son o mesmo, certamente. Pero síntome orgulloso de ser dunha xeración de perdedores: sen máis título que as súas propias feridas. De chicas casadas que pasean con nenos o Paseo da capital. Tan lindas como as súas uñas rabuñandome a alma. Pasean, señoras, casadas e profesionais. Sen mirarme apenas. Pero pedíndome versos. Aqueles que eu recitaba no seu oído cando as sacaba a bailar. ¿Recordas? Parece que fue ayer.