DIARIO DE AURIA | O |
12 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.PASOU o san Martiño e con el vai a miña cara pintada de negro, de viño, de cancións tan prohibidas como a túa minifalda. Era unha primavera, como esta, de novembro e sol e esperanza. Queríamos comernos o mundo, nós, que nin sequera fomos capaces de comer unha madrugada sen alcohol, sen penas, sen nostalxia. Un, ás veces, é un meláncolico que pasa a vida lamentando o que nunca tivo. Esta provincia, por exemplo. Que lamenta o verdor de nunca, a prosperidade pretérita, os tempos pasados. Todo é mentira. Unha provincia condenada a non ser nada máis que isto: provinciana. Miren o festival de cine: os seus premios, as súas inauguracións de rúas, o seu afán de ser e non ser nada. Somos Nós. Ourense. Eu mesmo: que quería comerme o mundo. Contigo. Aquela minifalda prohibida. As noites de Café Club, que agora converteron en Karaoke (¡que indecencia!). Os tragos largos de Pepe, aquela lenda urbana pegada a un camareiro (que era un camarada). Ourense é un abismo que atrapa. Que atrae e separa, ao mesmo tempo. Gloriosamente derrotado e provinciano. Co seu san Martiño, a súa especulación urbanita, as súas boinas e os seus birretes incorporados. E sen embargo, para min Ourense é a túa minifalda. Prohibida, prohibida...