DIARIO DE AURIA | O |
09 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI un Ourense distinto ao que sae nos medios. Un Ourense vívido, normal, común. Con sorrisos recén levantados e pelos humedecidos en colonia barata. Hai un Ourense que non é farisaico, que asubía cancións de vida nos recantos da cidade, das vilas, dos hospitais e dos cafés con recendo a cruasán e manzanilla. Descubro ese Ourense encantado vendo cómo amanecen os rostros nun bar sen carné, sen rótulo, sen preguntas. Levántome á hora que antes me deitaba. Este mundo é máis claro. E oculta menos que o outro. A noite, para qué enganarnos, perdeu versos dende que Janis Joplin deixou de cantar. Agora a música lata e as pastillas parecen facer felices aos muchachotes. Nós, creo, eramos doutra pasta. Había algún soño que cumprir, unha muller que bicar nos ollos, unha lúa compartida en calquera alba de río e vehículo usado. Levántome cedo, estes días, para compartir un Ourense desaparecido. Esta provincia namora, engancha. Esta é a Auria que debemos vender. A outra, a que saíu nos medios estas semanas, só produce espanto. Vuestro deber (oh, políticos gobernantes de Ourense), y el mío, es no ser nunca más el hazmerreír de España. Nunca máis, Ourense.