DIARIO DE AURIA | O |
04 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.OS LÍDERES políticos, cando arriban a Auria, pérdense en palabras enormes (como cancións repetidas). Fraga Iribarne fala de escolas e autovías e hospitais, que son os seus asuntos predilectos. Quintana rememora os lustros de caciquismo endémico e cita a Allariz como resorte paradigmático. Touriño, en uso de clásica sabedoría, cita a Pachi Vázquez: su trayectoria impoluta, su bienhacer, su liderazgo. Debo admitir que estou de acordo con Touriño: a denuncia por acoso laboral contra Pachi non vulnera ao Pesoe. Outra cousa sería unha sentencia firme, que non é o caso. Polo tanto aplaudo as palabras incólumes de Touriño, prudentes, medidas. Incluso falou Touriño de pensións e de tren de alta velocidade, do caciquismo e de ZP, el conseguidor. Sería unha boa noticia que falase, na próxima ocasión, de datos reais. Publicacións no BOE, actuacións específicas do goberno de Madrid, euros destinados ao desenvolvemento ourensán, proxectos firmes, certezas. Cando tal cousa suceda, aplaudirei aínda máis a Touriño. E incluso aplaudirei con fervor a Pachi. Por su trayectoria impoluta, su bienhacer y su liderazgo. En tanto esto acontece, espero. Fumando.