Entrevista | Tino Fernández Feijoo Labrego mozo, pero con experiencia e herdanza familiar, Tino Fernández defende a ampliación de obxectivos e o crecemento e modernización das explotacións
07 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Con 28 anos, Tino Fernández é un deses mozos que abandeiran a nova xerazón de labregos da Limia. -¿Como deu o paso? -Os meus pais foron sempre agricultores e eu empecei, hai uns catro anos, por seguir co que había na casa. Agora estou cunha explotación nova ao meu nome, pero coa maquinaria e coas naves que xa tiñan os meus pais. Se non, non podería. -¿Cales son os obstáculos? -Primeiro, que para ter o seguro agrario hai que estar traballando no campo e ter uns ingresos. Eu tiven que ir ata a xuízo para que me recoñeceran os meus dereitos. Despois tes que facer un curso de duascentas horas de capacitación agraria e, por suposto, tes que contar con diñeiro para maquinaria, se non, é imposible. -¿Existen axudas? -Temos algo, e máis se fose para cooperativas ou sociedades, pero a xente non se anima a xuntarse. -¿Pódese vivir do agro? -Un ano con outro imos vivindo, pero todo lle cómpre. Vivir claro que vivimos porque a maioría do que comes telo ti e niso tes menos gasto que outra xente, pero tamén hai gastos moi importantes de manteñemento da maquinaria, que ao final do ano é moito diñeiro. -¿Que hai da diversificación de cultivos? -Temos poucas posibilidades de saír da pataca e do cereal porque para cultivar hortalizas, que estaría ben, hai que meter man de obra e hoxe non hai quen traballe. -¿Como ve o futuro? -Hoxe, se queremos facer algo, temos que dedicarnos a moito terreo e, se somos moitos, non chega. Igual dentro de quince anos, se baixa o número de labregos, se pode vivir mellor, pero hoxe é preciso máis terreo. Cando moitos dos que hoxe hai se xubilen ou o deixen porque non están dispostos a invertir, ao mellor vaille ben ao que quede. Hoxe pode haber trescentos labregos por riba dos 50 anos e por baixo dos 30 somos moi poucos.