Cronómetro | Xosé Prada Martínez
22 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.? vila do Carballiño mantén desde hai décadas unha gran afección ao mundo do teatro. Ademais dos festivais organizados no seu día por Avantar e Orballo, xogaron un importante papel os grupos de teatro afeccionado. Un deles é Tiruleque, que representaba o pasado sábado a súa montaxe Silicón Valey en Cotelas (Piñor). Xosé Prada é o director, autor das últimas obras e actor. -¿Canto tempo leva funcionando a compañía? -Tiruleque como grupo nacía en 1986 no seo do Casino do Carballiño. Un grupo de amigos que compartíamos esa afección puxémolo en marcha. Logo xa se dotou de autonomía propia, como a Coral. Despois pasou unha tempada sen actividade e esta segunda etapa encetouse hai agora tres anos. -¿Canta xente integra o grupo? -En Tiruleque somos dezaoito actores. Na montaxe que temos agora en cartel actuamos once. Iso refírese á xente sobre o escenario, xa que ademais hai que contar aos que se ocupan de toda a infraestrutura para que a cousa funcione: luces, son, vestiario e todo o demais. -¿Contan con axudas? -Con moi poucas. O Concello do Carballiño déixanos o auditorio para ensaiar e agora ten un circuíto polo rural, no que nós participamos. Tamén entramos nos circuítos culturais da Deputación, aínda que iso non supón máis que unha axuda simbólica. O resto suplímolo co noso esforzo persoal. A ilusión e o esforzo persoal dos actores é a base das compañías afeccionadas. -¿Están traballando nalgún novo proxecto? -Desde xaneiro estamos cos ensaios dunha obra que se vai chamar Están tolos estes romanos. É unha adaptación de Farsa plautina, de Agustín Magán.