¡Gloriosa hipocresía!

ANTÓN SÁCHEZ RIVERO

OURENSE

TEMAS DO PAÍS | O |

22 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

VIMOS de celebrar o día das Letras Galegas. Abofé que houbo actos en cantidade promovidos polo concello de Ourense na memoria do persoeiro a quen este ano se lle adicaba o dia: Xaquin Lourenzo. Mesmamente fican chantados na rua da Paz uns fermosos exemplares de carro do País, que tanto estudou o mentado. Igualmente o concello aproveitou para entregar á familia de Alexandre Bóveda o pergamino que o distingue como fillo predilecto de Ourense, inaugurando ademais unha estatua na rua da Barreira. Todo moi fermoso, moi evocador, moi galleguista . Din as línguas de dobre fio que incluso o señor alcalde pousou a sua man condal por riba do cabezallo dun carro. Outra cousa é a realidade cotiá, o funcionamento administrativo do concello no que respeita ao uso da língua galega. Os edís nacionalistas que se sucederon desde o ano 1991, teñen reclamado no pleno, unha ou duas veces por ano, a aplicación da Lei de Normalización Lingüística do ano 1983 sen obter o máis mínimo resultado. Quen o ía pensar de quen celebra con tanta efusión o día das letras. ¡Gloriosa hipocresía!