DEDICÁMOSLLE un día, pero el dedicou a Galicia a súa vida. Un compañeiro del e amigo meu coméntame que os últimos anos de Xocas foron de esquecemento por parte de compañeiros e amigos. Estaba só, matando as horas en soedade, en cabilacións e lecturas. Jaime coñecíao ben, sabe sobre Xocas cousas que os expertos en todo o que ten que ver coa cultura galega non saben. Fanse mesas de expertos con entendidos en todo porque len algún libro e pensan que xa saben, fan investigacións de recorta e pega, copia deste libro, copia do outro libro, que si fulaniño di, que si o outro opina, pero, ¿falouse con xente que compartiu con el moitas horas de traballo, moitas horas de viaxe? Gustoume o que o presidente da Real Academia Galega dixo de Xocas na inauguración da exposición dos carros na rúa da Paz: Xocas foi un traballador do día a día pola cultura galega que sen chegar á talla de Risco, Otero Pedrayo ou Blanco Amor merece a súa homenaxe. Xocas era consciente da necesaria modernización de Galicia, pero quixo ser o notario da tradición, evitando que se perdera.